Un grupo de profesores do colexio está a colaborar nun Proxecto Erasmus + a nivel europeo
coordinado pola universidade italiana PEGASO ONLINE UNIVERSITY e na que participarán distintos
centros de estudos de Grecia, Bulgaria, Turquía e Italia. A coordinadora do proxecto creará unha
plataforma onde os estudantes e os profesores dos colexios asociados poidan intercambiar información
sobre os libros dos seus respectivos países escribindo fichas bibliográficas de autores, sinopses de libros,
reseñas e a creación de historias a través do formato “Creative Writing Relay”
O proxecto Erasmus + é un programa da Unión Europea para a educación, a formación, a xuventude e o
deporte. O proxecto no que o colexio Bouza Brey está a participar trata de literatura e do mundo dos libros.
Daremos a coñecer aos nosos colaboradores a literatura e aqueles libros e autores relacionados coa cidade
de Vigo. Pensamos que é un xeito de levar a nosa cidade a outros lugares e países e dar a coñecer tamén aos
nosos escritores galegos.
O obxectivo do BOOKMED – A BRIDGE OF BOOKS IN THE MEDITERRANEAN é difundir o coñecemento de autores contemporáneos ou clásicos coñecidos nos seus países pero ás veces descoñecidos no resto de Europa. O programa terá unha duración de tres anos e realizarase a mobilidade do alumnado e profesores en distintas datas cun minicruceiro literario que sairá de Civitavecchia e chegará a Barcelona. Trátase dun festival de literatura no mar para estudantes e profesores con encontros literarios, obradoiros de escritura, fotografía, representación teatrais, xogos… Estas xuntanzas coincidirán co Dia do Libro, 23 de abril.
No ano 2023 participarán dous profesores de cada centro asociado e nas edicións do 2024 e 2025 tamén participará o alumnado. Ao mesmo tempo celebraranse 5 reunións transnacionais en todos os países colaboradores e 2 actos de difusión en Turquía e Italia a metade e ao remate do programa No mes de febreiro deste mesmo ano comezaremos esta aventura aquí en Vigo, pois somos o 1º centro de destino de todas as persoas colaboradoras neste proxecto ERASMUS + PARA A EDUCACIÓN ESCOLAR KA220-SCH- Cooperation partnerships in school education. Realizaremos aquí a primeira xuntanza presencial do grupo os días 2 e 3 de febreiro.
Comentarios recentes