Os rapaces e rapazas de primaria do noso colexio recibimos nestes días a visita das monitoras do Parque Nacional Marítimo-Terrestre das Illas Atlánticas de Galicia.
As monitoras explicáronnos a fauna, as paisaxes e tódolos ecosistemas que hai nas illas.
Como este ano temos que tomar moitas precaucións debido á Covid, as actividades foron diferentes ás que faciamos outros anos, pois non podemos traballar en grupos nin tocarnos, pero aínda así foi divertido.
Algunhas das actividades desenvolvidas foron as seguintes: aprender o significado de Parque Nacional, xogar con tarxetas de animais e plantas que debiamos asociar aos diferentes ecosistemas que hai nas illas, ver un vídeo dos fondos mariños, traballar con carteis e pegatinas informativas, ver restos de ourizos, plumas de aves e ata unha camisa dunha serpe, aprendendo así os rastros que deixan os seres vivos que habitan alí.
Pasamos un bo rato viaxando mentalmente ao noso Parque Nacional, e para rematar, agasalláronnos a todos cun marcapáxinas e unha postal.
Que bonitas son as nosas illas e canta vida hai nelas que debemos protexer!
Comentarios recentes